Vilaxoan
Vilaxoán de Arousa atópase na marxe esquerda da Ría de Arousa na posición de latitude 42º 35` 4 N. e lonxitude 08º 47´ 3 W. Esta vila e porto é o núcleo de máis importancia tanto en poboación como en edificación da freguesía de San Martiño de Sobrán, pertencente ao Concello de Vilagarcia de Arousa. Toda a freguesía ten unha superficie de 5,9 Quilómetros cadrados e 83 Hectáreas de monte, con 3.407 habitantes. Dende 1836 ata 1913, Vilaxoán, foi Concello de seu, e estaba composto pola devandita freguesía e maila de San Salvador de Sobradelo
en Non se ten moita constancia da habitabilidade desta vila en épocas remotas, pero os estudios arqueolóxicos, o conxunto de costumes e crenzas que se transmitiron de xeración en xeración e a toponimia, nos da pé a xulgar de que a Vila debeu estar habitada dende tempos moi antigos. Non é moi doado fixar con exactitude a época na que se formou un núcleo de poboación con un nome definido, pero tomando como base os estudios que se fixeron a fins do século XIX e primeiros do XX, onde apareceron varios obxectos de pedra pulimentada e cobre pertencentes a razas aborixes, pódese dicir sen dúbida que a vila
debeu estar habitada nunha época cando menos anterior á neolítica, e polo moitos lugares nos que abrangue á historia. Na época medieval, o que era a antiga freguesía de San Martiño de Sobrán pertencía ao bispado de Iria que co tempo chegaría a ser da Igrexa de Santiago de Compostela. A primeira nova histórica de San Martiño de Sobrán a comenta A. López Ferreiro na Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago, dicía que no ano 1115 o nobre galego Ramiro Muñiz fixo a doazón deste territorio de Sobrán Severana ao Apóstolo, concretamente á Igrexa de Compostela.
Pasado un tempo, estas terras de Sobrán pasarían por aforamento da Mitra Compostelán, á Casa dos Soutomaior.
A vila e porto de Vilaxoán foi fundada a mediados do século XV, polo Ardediano de Reina D. Xoán Mariño de Soutomaior que era irmán do Mariscal D.Suero Gómez de Soutomaior Señor de Sobrán .
No século XVIII, Vilaxoán foi un porto moi importante en número de fábricas de salgadura e base de exportación da sardiña salgada.
Na actualidade a vila conta con industrias derivada dos productos do mar, son dúas fábricas de conserva, un importante secadoiro de bacallao, unha depuradora de mariscos e o Centro de Control do Medio Mariño. En tódalas rías de Galicia existen hoxe unhas 3.400 bateas de mexillón, das cales un 66% están na Ría de Arousa e un 4% tan só pertencen a Vilaxoán, a pesar de que foi nos anos 40-50 a pioneira desta clase de industria. De tódalas maneiras, non deixa de ser importante este sector na vila.
Outro sector importante é a Agrupación de Mariscadoras e Mariscadores a Flote onde están traballando os recursos naturais das praias Preguntoiro, Saíñas e Canelas, xa que o potencial destes cultivos mariños e enorme, creando así un medio de vida a curto prazo dende un punto de vista económico da vila.
martes, 15 de junio de 2004 a las 0:00
|