Litanía viguesa.
¡Ai, Xesús, qué diaño de vella!
Os celtas usaban palla,
agora poñemos tella.
Só falta que se erga Breogán,
cunha facha na man,
e se adique a queimar monumentos. En Vigo hai moitos que queimar.
Onte, na entrada da rúa Coruña, nas Travesas, estaba eu agardando a que o homiño verde aparecese no pau do semáforo para poder cruzar. Nisto pasa un autobús, non colle ben a curvatura do estreito e móntase no bordo da beirarrúa. O meu pé tivo que encollerse para non ficar esmagado dentro da viqueira do zapato...
Señores municipais,
está a pasar o de sempre.
Dádevos unha volta de vez en cando para saber dos problemas da Vila. E andádevos con ollo porque son moitas as ratoeiras que tedes postas por ela adiante... Entrade cara Povisa dende a gran Vía...Subide cara Camelias cando xira o autobús de Alvaro Cunquiero... Centos de puntos conflictivos e perigosos por facelo por "telemando facer"... Menos mal que os vigueses sabemos moito de pacencia...
¡Os celtas ben se merecen un monumento no castro, redemos!
Na santa e caballerosa Vigo, canvertida en xeriátrico prematuro, podedes ver a lexións de xubilados batendo o callo e queimando zapatos para que os zapateiros dista marítima (cada vez menos por culpa dos recheos) teñan traballo abondo e poidan cobrar o xubilo dentro de cen anos... ¡Malo será!
PacoBarxa.
domingo, 07 de febrero de 2010 a las 14:34
|
|
¡Que volven os celtas!
...e hai que recibilos como se merecen. Os escarabellos son uns animais pequechos que adican a súa vida a esgarabatar na terra para que se ergan os que morreron fai anos e poidan ser recoñecidos por os zombis sobrevivintes da catástrofe ecolóxica. Cando máis contentes estaban, a durmir no colo de sabe Deus qué deus, van os do planE e póñense a fozar no Castro, beira poñente, por atopar un tesouro chamado "comisión" cando máis falta facía reconstruir o Barrio do Cura, o Berbés, A Pedra, A Ferrería... (e non sigo porque as cousas poríanse moi feas). Supoño que as cabanas que están a recompoñer serán para dar acubillo a xente sen lar nen lareira, para que non teñan que durmir tantos debaixo das estrelas... Tamén supoño que, de seguir coa obra, botarán abaixo os chalés adxuntos, que foron construídos no seu tempo enriba dos redondeis que deixaron os celtas, despois de levarlles o vento os tellados de palla. Ó que vou: Se queren conservar o Vigo vello como unha reliquia inservible, coutada a todo trasego humano, residencia de zombis por o día e de bébedos e drogatas por a noite, invirtan no Castro, que as ánimas dos mortos tamén son de Deus. Se o que queren é facer de Vigo unha Vila con xente feliz, leda, e políticamente sosegada... esborrallen a parte vella, fagan vivendas como deben ser e non vaian queimando terreo por o gosto de queimalo, enchendo o mar de cascallos e sementando de cemento algunhas partes que poden conservarse para cando sexa verdadeiramente necesario... ¿Construir para abrir novas corredoiras, provocar novos atascos de tráfico, queimar a máis gasolina posible para chegar a casa dando arrondeos de tres kilómetros cando vives a douscentos metros de onde traballas? Se queres saber de qué falo baixa por a rúa Coruña un día que chova forte e verás a cachoada de auga que alí se xunta. E todo por achicar as rúas... E se se achica a auga... fíxate nos coches... Será unha teima do goberno de Bruxelas obrigar á xente a deixar os coches fóra das vilas... Habaría que ver que fan os que o deciden nun atasco e con furriqueira. Supoño que cagarían coma todo quisque por iles abaixo... Ó mellor aprendían a ser máis humanos e menos "mazónicos"... Mazónico quere dicir que ten o mazo e bate na cabeza da estaca para enterrala porque lle sae do peto... Un saúdo para Caín, Abel e toda a cuadrilla. ¡Un pouco de reflexión, que os coches son o pan de cada día dos traballadores! PacoBarxa.
martes, 20 de octubre de 2009 a las 23:03
|
|
Morriña
Vigo vello, vicorello da Ribeira, ¿ónde van aquelas augas que che lambían as pernas cando nas praias deitabas? ¡Ou cicais xa non te lembras..! Eras un neno mexón carrouchando na foresta; tiñas medo de ir ó Castro, que podían vir os celtas para levarte moi lonxe onde nacen as estrelas. Dende a Guía ata Samil ías choutando na aréa, todo praia, todo leiras, camiños e carballeiras. Hoxe, por moito que miren non hai ollos que te vexan. És un mozo escarranchado de Saians ata Chapela... ¡Non te escarranches xa tanto que inda vas rachar as pernas!
Orixinal:PacoBarxa.
martes, 13 de octubre de 2009 a las 22:30
|
|
Refuxios atómicos.
Algo deben saber os políticos que non queren que saibamos os cidadáns. Moi probablemente están a preparar outra guerra segreda de vermes noxentos e átomos en conflicto porque tanta zaleira (desexo incontrolado) por construir aparcadoiros subterráneos ("soterrados" xa sona a morto en por sí) resulta ser sospeitoso ata para os máis parvos dos pensantes. Hoxe xa non é preciso pensar porque xa pensan por nós e temos un impreso pensado por iles para cada circunstancia da vida que se nos presente. Quero dicir que todo está lexislado e se non cumples coa lei... acabas no Chandoiro rañando o fuciño nos fentos. Todo é "dictado" por o pensante según a convenencia do conxunto e o que non estea de acordo que non se deixe coller por o radar se non quere acabar onde se acaba agora... no paro forzoso. Sen choio, na rúa e con catro reás para xustificar que ainda segues a ser un humano fóra de combate... O dos aparcadoiros ten o seu miolo, non penses. O terreo é normalmente de todos. (O pobo sempre ten a razón). Como terreo que é de todos debería ser disfrutado por todos da mesma maneira. E velaí o choio: pagas o tempo que o uses en beneficio do promotor do proxecto, que por norma ten detrás a un dos cabalos da troula... Os cabalos da troula son uns señores sen nome que levan os cartos de todos e teñen moitas cousas boas para vivir ben, mentres os demáis temos que xuntar a "calderilla" de todo o mes para poder tomar un café no bar da esquina, porque se o queres tomar no centro xa non che chegan os cartos para pagar, ou ben o bus ou ben o aparcadoiro regulamentado. ¡Ó carallo coas leis feudais! Xa só falta que poñan os fielatos para entrar na cidade prohibida do tío Abel... Non son inimigo de gardar os coches a cuberto, xa que nas rúas poden ser un atranco para outras actividades. O que non entendo é por qué se castiga tanto ó cidadán que o único que desexa é vivir con comodidade na Vila que escolle para vivir. E o coche é unha garantía de benestar social. Eu vexo unha rúa con coches e penso: "aquí vive xente"... Nunha rúa deserta, por moi empedrada que estea de granito puído, non me sinto seguro. Resulta fantasmal. (A min iso de "pantasma" sóname a pantomima e odio ó castelán). Resumindo, ou vai haber unha guerra atómica, ou unha invasión marciana que só saiban os que nos oprimen, ou abondan tanto os chourizos que queren vivir do conto... que penso que habería que plantarlles cara e que deixen á xente vivir a vida en paz e cencia. O de todos é de todos e o de cada quen é seu... As ensaladas mixtas... Vigo, a partires de hoxe, será a vila das corredoiras, antes avenidas. Xa se nota cando chove, se camiñas arredor de Povisa. Fai a proba se queres convencerte...
domingo, 11 de octubre de 2009 a las 21:38
|
|
Repoboación ferestal de Vigo.
¡Xa me foderon o conto! Co que me gosta a min andar por os montes, entre cabalos con tabaos e todo, van e póñense a repoboar a Vila con toda clase de árbores. Non é que eu sexa inimigo dos vexetais, inda que prefiro unha leituga a un toxo. Vamos ó que me preocupa un chisco. ¿Pensaba Manoel Soto, cando se plantaron os chopos na avenida de Castelao e outros lugares, na pelusa que soltan istes "señores" vexetais na temporada de floración? Agora os que teñen que soportar o problema son todos os veciños de Coia e outros máis que non teñen outro remedio que pechar as fiestras e agardar a que os "amiguiños" deixen de perder lan. Outro problema son os veciños dos primeiros e segundos andares, que teñen as polas nas fiestras, co perigo que elo supón, xa que por iles poden subir formigas, morrións e cacos. Non sería o primeiro que teima entrar a "rexistrar" unha vivenda por a ventá, coma os paxaros pequenos. Eu entendo que dende o concello velen por a nosa saúde ata o punto de traernos o monte á porta de casa, xa que hai tanta xente que ten alerxia ós piñeiros e outros semellantes... Tamén entendo que a falta de allos se planten "carballos", porque algo haberá que facer para cobrar as comisións, repartindo a empanada da mellor maneira posible. E o que parte e reparte leva o parrulo á súa lagoa. Por outra banda é de lamentar o estado no que está a vella Alameda e tantos parques infantís nos que puxeron catro trebellos de calquera maneira e logo que veña o diaño e os conserve en servicio. Tamén entendo que por colocalos hai comisión... e por conservalos só hai gastos. Os cidadáns que contribuímos na Vila merecemos un pouco máis de respecto por a nosa contribución. E outra cousa son os coches. ¿A qué carallo ven tanto Plan Engaño para que merquemos coches, se despois non nos deixan metelos nas rúas e para atopar un oco onde deixalos por ir traballar ou de compras hai que dar máis tombos que un galo bébedo? Consecuencia de que non haxa aparcadoiros nas rúas é o peche de moitas tendas que daban de comer a moitas familias nosas. E negocio que pecha... cólleno os chinos. Vigo acabará sendo unha provincia de Ku Polo Chan... Xa falaremos dos Refuxios atómicos... Saúdo a que me lea.
viernes, 09 de octubre de 2009 a las 22:05
|