Estamos renovando MisPueblos.es
En las próximas semanas tendremos una versión completamente renovada,
mientras tanto no publicaremos actualizaciones.
Disculpen las molestias.

Terroso

Orense - Galicia

NOTICIAS

Si quieres mantenerte informado de lo que ocurre en TERROSO, esta es tu página, puedes añadirla a tu sección de "Favoritos". No sólo encontrarás noticias de Terroso, también te informamos de las localidades mas cercanas donde se vayan generando datos de interés.

Si quieres enviar NOTICIAS relacionadas con Terroso puedes hacerlo. Recuerda que puedes complementar la información con una fotografía.

 

Restaurantes en Terroso

Terroso > Noticias

dun radioaficionado veterano pra outro

dun radioaficionado veterano pra outro

Non sabia queridisimo Paco que tiñas aficion po las ondas, Saberas que quen che esta escribido ten o indicatibi EA 1 BDN con mais de dous millares de QSLs con colegas de todo o mundo. O meu QTH e Leon donde teño os aparellos e xa non teño tempo pra manter conversas quedando como decimos no argot en stambai permanente.
Fai anos levava no coche un 2 metros pra contactar na estrada cos radioamadores portugueses e subia o castelo de Monterrey pra falar a traves dun repetidor con colegas de Leon. Fai disto moitos anos. hagora que xa contactei quedome en QRT.
Saudos diste radioaficionado que podes supoñer de quen se trata porque non levaba a miña emisora movil cando me din o hostiazo en sousas e non lances un CQ...CQ....CQ pois non estou a escuta.

miércoles, 02 de diciembre de 2009 a las 15:39

 

Ora hou...

Ora hou...

Da mesma maneira que os camioneiros teñen as súas contraseñas para comunicárense por radio, o Intenet pastoril de Terroso tiña normas. O radioafeicionado empeza preguntando se alguén o "copia" (escoita). Se ten resposta empeza a conversa. Cando querías comunicarte con alguén, se non o vías, empezabas co "ora hou... aléilame" por se alguén estaba interesado en falar. "Ora dalidou" viña sendo a contraseña de "cambio", fala ti. As conversas eran cantadas, cunha cantinela ben definida, que se aprendía practicando. Había quen cantaba máis desafinado que un chocallo de cabra rachado, inda que, en xeral, resultaba interesante. Entre o saúdo e o "cambio" (dalidou) metíase a mensaxe que podían ser moitas palabras. Era un xogo de entretimento que moitas veces servía de trasmisor de noticias. Ás veces aparecía o lobo en Valdetoxal (por exemplo) e había que comunicarllo a todos os pastores do termo o antes posible. Entón o que comunicaba cantaba o máis forte que podía: "Ora hou todos, que anda o lobo en Valdetoxal e vai cara tras do Facho. Ora dalidou"... O sistema tamén era utilizado por os contrabandistas para avisar de que andaban cerca os do tricornio. Entón tiñan unhas contraseñas especiais que iles mesmos establecían para non ser descubertos. Unha moi usada era: "Ora hou, Queirugas e tamén Carqueixas, hou... decídelle á merla que garde ben o nino porque andan os cucos á Xeria...E ora dalidou"... Inda hoxe en moitos lugares de Galicia lle siguen chamando os cucos porque sempre aparecen onde menos os esperas, coma o raposo. E normalmente... Políticas aparte, o sistema era moi bon por moitas razóns. ¿Cándo empezaron a usalo...? Habería que recuar moitos anos para sabelo.
Non sei se con isto clarexou algo o hourizonte. Eu sei o que faciamos de rapaces, e cando ún é tal non se detén a preguntar o por qué das cousas, senon que se limita a aprendelas e retrasmitilas máis ou menos como as aprendeu. Moitas cousas que temos hoxe son ideas vellas que andaban a roular por lugares remotos. Os seixos que antes chiscabamos para facer lume son hoxe a base dos ordenadores, o silicio. ¡E mira que non hai seixos detrás do Facho!
Aquí vos deixo.
PacoBarxa.

martes, 01 de diciembre de 2009 a las 22:41

 

Ora hou...dalidou

Ora hou...dalidou

Hola,
meu pai xa me contara algo disto, él tamén utilizaba este sistema!!! cando mo contou recordoume algo ó sistema do silbo canario...
Supoño que empezabades a falar con alguén porque viades unha figura humana ó lonxe ou porque sabíades que ese día dita persona fora para esa parte, ¿ou puñádesvos a falar así porque sí, a ver se contestaba alguén?
Sempre me intrigaron as palabras que utilizabades, a súa etimoloxía, o seu significado de orixe..., por exemplo: por qué a fórmula "ora hou tú, tú tamén tú" cómo empezou a usarse, qué significa exactamente e porque tan redundante a fórmula?? e qué significa "dalidou"??
Supoño que había que ter boas gorxas para isto!!!
Pronunciábase unha frase de seguido ou as palabras moi espaciadas, mais ben...??
Paréceme increíble que se puidera chegar a comunicar deste xeito e que, ademais, se repetira tanto a fórmula "ora hou...dalidou" co que costaría xa de por sí dar información novedosa, aparte das palabriñas máxicas, jejeje: eran mais por pracer que por necesidade estas conversas, non sí??
Graciñas e saúdos a tod@s os terrosan@s,
Deli ; )


lunes, 30 de noviembre de 2009 a las 22:18

 

Adegas soterradas

Adegas soterradas

A xente de antes tamén pensaba. Ó mellor pensaba moito máis do que pensamos agora, xa que agora xa nos dan todo pensado por os pensadores oficiais que nos levan dun lado a outro coma ovellas. Os invernos facíanse máis garimosos cun bon lume na lareira e os veráns soprando na gaita para que non collera feluxe no canelo... Os chourizos secaban na lareira da mesma maneira que as castañas, as lonxas dos porcos conservábanse gracias ó sal e a salmoira que collían no barcal. Pero o viño ou o gardabas no bandullo, e non sempre cabía nel toda a colleita da vendima, ou o metías nas adegas. Antes a Terroso chegaban mal as mercadurías de fóra porque non había camiños. Agora tampouco son moi alá, inda que imos chegando... Normalmente por ise motivo antes facían o viño na mesma viña, e logo portábano en cabaleirías que era moito máis fácil. Na Peneda de Lagares houbo en tempos do Terroso vello moitas adegas escavadas no monte. Lagares chámase así por mor dos lagares onde se pisaba a uva. No monte do tío Celerique, alá no fondo do Carmanchón, inda hai unha mina que debeu ser unha adega. Eu de pequeno baixaba dende os Inxertos con meu irmán Luis só por meternos na mina...
Hai restos de minas ou adegas na fonte do Pilo. Inda se poden ver. Na aira da Forxa, a cinco metros da fonte, había tres minas onde os meus abós e outros veciños gardaban viño, patacas e castañas... Cando amañaron a praza rebaixaron aquelo dous ou tres metros e quedou todo desfeito... Onde hoxe están as adegas do Outoredo houbo algunhas minas. Máis tarde, cando a xente tivo cartos para edificar, fixeron adegas grandes, con tellados de palla, onde se gardaba todo o que precisase frescor para conservarse. En moitas tamén se facían "tullas" para gardar o grau de centeo e millo, que foi a base da alimentación do pobo. A Porta da Tulla chámase así porque algún dos antepasados do tío "Roque" foi o primeiro en facer unha tulla para gardar a colleita. A tulla viña sendo un cuarto grande, ben acimentado para que non se escapase o grau e non entraran os ratos. A porta era moi especial: Consistía en varias táboas horizontais que se ían colocando na porta por un carril lateral ata chegar a cerrar toda a entrada. Algunha xente con boa colleita fixo tullas en casa en vez de arcas porque se conservaba mellor todo. Meu pai, o Carpinteiro, inda fixo unha poucas... Non falo das que fixeron outros porque non o sei...
Xa fóra de tema quixera dicir algo da Veiga e das hortas do Forno. Se os novos vos puxerades de acordo en tirar todas as paredes e marcos da Veiga e se fixeran no seu lugar uns bons invernadeiros habería traballo para todo o pobo e poderíase colleitar toda clase de hortalizas que teñen que vir de Marrocos e Arxelia para surtír os mercados nacionais. Aquela Veiga, coa auga ben aporveitada que baixa do Bidoedo e das pozas da Fonte da Cal, podía dar comida e diñeiro para moita xente. A ver se alguén de vós colle a idea e consegue que a xente se decida a aproveitar algo que tal como está non serve para nada. Nós temos alí varios cachos e estamos dispostos a que se xunten por ben de todos. Xa se debería ter feito hai anos...
Volvendo ás adegas, cando non se podían facer soterradas erguían chozas de pedra con tellados de palla ou xestas con terróns enriba nas que facían o viño e xuntaban o bagazo para logo sacar unhas potadas de augardente, que parece que non, pero alegraba o corpo nas mañáns de xiada antes de sair ó monte. Un grolo de boa cachaza mantiña o esprito erguido toda a mañán... Agora as leis dos escurridos da política non saben o que era vivir coa Natureza, nai de todo ser vivinte. ¡Que se fodan! ¡As leis!
Están a cair pedras brancas do ceo. Diríase que os anxos foron onte de carallada e comeron olivas (aceitunas). Agora están a soltar os ósos... Vai do que vai.
Unha aperta para todos.
PacoBarxa.

domingo, 29 de noviembre de 2009 a las 14:30

 

Internet pastoril en Terroso.

Internet pastoril en Terroso.

¿Quén dixo que Terroso era un pobo incomunicado..? Cando eu era un cativo, un arampizo de catro furcos como dicía a Pura da Carlota, que vivían ó lado da forxa de Pepe co seu irmán o Ramón, en Terroso usábase moito o teléfono inarámico, que non precisaba pilas, ainda que conviña ter unhas boas golas para que te ouviran de lonxe. Chamabámoslle "aleilar"... Daquela xa sabedes que a xente vivía do agro e da facenda. O que máis e o que menos tiña na corte, ademáis de porcos e leitóns, que para o caso non é o mesmo, algunha vaca, chivas ou chivos, ovellas e carneiros... Os mellores carneiros tíñanos os Da Costiña, alá na Fonte da cal. Eran "monos", sen cornos, coma moitos que andan por as rúas e non se decatan do que levan ás costas. Os que posuían un bon rabaño "limpaban" o monte por onde pasaban, e era unha cousa moi boa porque cando caía unha colilla acesa ó chan non tiña que queimar e apagábase axiña. Quero dicir con isto que dende o Filgueiro ata Rebordechao e dende a Cervatela ata o fondo de Entrasaugas sempre había alguén coutando os animais. (Coutar, ceibar, gardar e coidar o gando é a mesma cousa para quen non estea ó tanto). Pois niste ambiente remexíase todo un sistema de comunicación que ainda perdura na memoria de moitos. Imaxinade por un intre que un pastor anda nos Inxertos, outro á Cócara, outro na Peneda rillando queirugas (il non, as cabras), outro na Ladeira pequena e un fato diles en Valdeporco. Pois inda que sexa pouco credible tiñamos a maneira de comunicarnos sen grandes problemas. Ás veces era o vento quen non o permitía; pero en condicións normais eu cheguei a falar con xente que andaba en Vilardeseu estando en no Ladeirón, perto da Cervatela. A cousa comenzaba diste xeito:
"Ora hou tú, tú tamén tú, hooou... Aléilame un pouquiño e ora dalidóu"... Agardabas un chisquiño e axiña tiñas resposta...
"Ora hou tú, tú tamén tú, hou... Quén chama a istas horas e ora dalidou"...
"Ora hou tú, tú tamén tú, hou... Eu son o Paco do tío carpinteiro e ando coa res á Cervatela e ora dalidou"...
"Ora hou Paco, tú tamén Paco, hou... Son o Feluxindo que ando a darlle enxofre á viña e ora dalidou"... (Isto vai por ti, Felisindo, por darlle un pouco de actualidade ó conto). Cando estabas na conversa entraba a Mercedes, nai da Maruxa dende os Inxertos, ou a Lucía, que aleilaba coma un paxariño. Ó mellor ouvías alá no fondo de Lagares unha voz pequerrechiña que non acababas de entender e axiña lle dicías ó que andaba á Peneda:
"Ora hou Toño, tú tamén Toño, hou... Entérate do que quere ó que anda en Lagares e ora dalidou"...
E así ía pasando a conversa de uns ós outros formando unha rede que nada tiña que envexar ó Internet iste dos collóns. Cando había que comunicar algo urxente usábase unha fórmula diferente...
"Ora hou Pouliño, tú tamén Poliño, hou... Se anda alguén por aí que o diga e ora dalidou..."
E sempre había alguén disposto a pasar a noticia.
Xa sei que era un sistema coñecido por moitos. No meu tempo utilizábase a diario. Era unha maneira de pasar "á parola" aqueles días de inverno, ou calquera outro, que se facían moi monótonos. Nunca andabas só no monte. Hoxe andamos sós ata con xente dándonos couces no autobús urbán.
Ata outra, amigos. Ora hou! Paco...

domingo, 29 de noviembre de 2009 a las 12:19

Tienes mas noticias cerca de aqu�, en Arzadigos, Villardevos y Soutochao.

Página generada el miércoles, 27 de noviembre de 2024 a las 3:40:52
© Mis Pueblos, S.R.L. 2006. Todos los derechos reservados. info@mispueblos.es - AVISO LEGAL - QUIÉNES SOMOS - ANÚNCIATE