POUCO TEMPO
Tes toda a razón Paco, non teño moito tempo ahora , maña xa vos contarei algo, que estos dias estou toda apurada de horas , pero vexo que os outros tamen lle pasa algo. Xa che contarei como e o noso viño de cosecha e como empezamos nestas cousas
UN SAUDIÑO E VEÑA QUE O PACO SOLO NON PODE CON TODO ESTO , AUNQUE E O MAIS CONSTANTE
lunes, 22 de febrero de 2010 a las 19:55
|
|
¿Acabouse a tinta...?
Debe ser por mor do entroido que non temos tempo para riscar un pouco no ordenador. É certo que, co tempo que vai, sempre se está mellor á abrigada. O outro día, levando o "can" por o parque de Castrelos (o mellor que ten Vigo para escurrizar a morriña), topámonos a miña muller e máis eu con media parroquia de Terroso. Uns por un camiño e outros por outro coincidimos o Hermógenes coa súa dona, o Xé coa Xabel, o Luis coa Clara, a Pepita e nós... Alí estivemos a parolar de canto se podía, inda que estaba a muruxar e non daba o tempo para mollar o couquizo. Moitos couquizos están sen "herba" por mollalos moito, unhas veces por fóra e outros... sabe Deus. E falando de Deus... crende en Deus que é Santo vello e deixádevos de bruxas que só procuran encher a saqueta... Volvo ó rego. Xa vai sendo tempo de podar as viñas. Véñenme ó sentido aqueles días que ía con meu pai cara a Cervatela ou o Cabanco para rapar as cepas. Dicía meu pai que había que cortarlles o cabelo para que logo saíran máis fortes e deran mellor viño. ¡Qué certo era! Franco quíxonos facer crer que os malos eran os roxos. Mais tarde foron istes os que intentaron obrigarnos a crer que o malo era il. Agora o tempo está a demostrar quen era o malo que deixa á xente na miseria... Isto non ven a conto, inda que sona ben. Que cada quen o interprete como lle pete. Aclaración, a idea non é miña senon da xuntanza no parque de Castrelos.
Animádevos un pouco porque a páxina está a quedarse moi fría. Coas neves que levan caído xa deberían ter morto todos os ratos das leiras e pódese sementar sen perigo de que rillen as fabas... Se non tedes de que falar... contade algo do que facedes a diario, xa que gosta saber que os amigos e veciños viven ben, estean onde estean.
Aguardo as vosas ocurrencias, inda que sexan cativas, pois a gracia está ás veces en ver que a túa neta de dous anos che di: "Abelo, quedo tupete pa mimí.."
Un saúdo. Paco.
domingo, 21 de febrero de 2010 a las 12:01
|
|
Os Barxa
Da mesma maneira que non sabemos nada, e non se saberá xamáis, de como chegou o ser humano a humano, e hai hipótesis encol do comenzo para encher mil veces a biblia, tampouco me confío eu moito no que se ven dicindo da orixe dos Barxa. Fálase de xente que viña de Francia, da terra dos mouros e mesmo de Babilonia. Tamén se di que a "barxa" era a saqueta onde os pastores levaban a comida e outros menesteres. Outros contan que "barxa" é unha terra pantanosa. Que na comarca da Gudiña haxa tantos Barxa pódese explicar porque alí asentou un militar dos tempos de Napoleón (cicais) e, prendado dunha lugareña, renunciou ó seu cargo e quedouse a vivir con ela. De aí sairía toda a prole... Sendo así baixarían cara a Vilavella, cara o Mente, Veiga, Riós,Terroso.......... Cando chove a auga non pensa que indo monte abaixo acaba formando un regato, logo un regueiro, un río e chega ó mar con barcos e todo. Os Barxa de hoxe somos un río moi grande que abrangue moitas terras e pode que ature moitos anos máis.
A Veiga do Seixo é verdadeiramente un pequeno pobo esquecido no fondo de unha xeria de castiñeiros. A primeira vez que fun alá non me decatei de que había un pobo ata que estuven na rúa principal, que non era máis que un camiño ancho de terra, semellante a unha eira. Á man esquerda había unhas poucas casas e cara a dereita prados e leiras ata chegar ó río, o Mente. Aquel día, en agosto, non levaba moita auga e podíanse ver perfectamente as "poldras" para cruzar á outra beira. As "poldras" son pedras grandes espetadas no río a unha certa distancia para poder saltar de unha a outra. Usábana os romanos, e outros, en ríos con cauce de auga irregular, con enchentas que arrasaban as pontes e baleirados que deixaban pasar case a pé enxuto. Eu tiven a oportunidade de pasar e facíase divertido brincar de pedra a pedra. Había que ter conta de non esvarar porque as pedras xa están moi puídas e, molladas, facíanche dar un zarroazo que te levaba a saudar as troitas e demáis bechos acuáticos.
Xa hai anos que no vou por alá. Non sei se medrou ou se está perdendo como tantas e tantas xoias da nosa terra. Eu puxen alá a primeira antena de Tv que funcionou ben. A miña avoa María era orixinaria da Veiga e pasou alí algúns anos da súa vida. Vivía na entrada da aldea, na primeira casa á esquerda, nunha ladeiriña con horta e videiras. Cando fun eu por alí xa morrera ela en Francia, a onde tivo que emigrar en tempos da guerra porque meu avó era mineiro en Riotinto e leváronos a Francia os da compañía para seguir traballando noutra mina. Despois da guerra tiveron problemas e así quedou a familia de meu pai partida... Máis tarde xuntáronse os irmáns, inda que só para visitárense. Se os franceses conservasen os apelativos orixinais teriamos en Francia outra rama de Barxas orixinais...
Espero que servira de algo todo iste rollo hixiénico. Cando se fala do pasado hai que ser moi cautos porque ás veces damos por certo algo que non é tal. Vargas, Barges, Barxes, Barjas e Barxas seguramente é a mesma cousa. De aí que a eira dos Barxes, en Terroso, puido ser en un inicio a eira na que mallaba unha familia que se chamaba así, como se chamaban outras co nome do barrio no que estaban sitas.
Un saúdo.
PacoBarxa.
lunes, 08 de febrero de 2010 a las 22:41
|
|
As festas en Terroso
Paco, por qué supós que "alá por o 1800 foi repoboado o lugar por xente que viña de cara a Gudiña e a Veiga do Seixo", porque alguén cho contou ou porque na Gudiña e Veiga do Seixo levan moitos o apellido Barja?, A Veiga do Seixo é unha aldea moi moi pequena, non sí?
Eu recordo que as festas en Terroso tiveron moitas ubicacións diferentes ata ser feita a Plaza Ángel Barja: ó lado da Escuela, alí ó pé da casa do tío Graciano, Ó Campo tamén recordo unha festa que se fixo - non sei si a Candelaria ou o Corpus... -, ó pé da Iglesia tamén se facían (ahí si que recordo unha da Candelaria)e ata recordo unha que se fixo no garaxe do Luis do Sega, esa tamén era da Candelaria, aquel día miña tía Manoli, Anabel Varela e eu bailamos moito rock, sí, sí, moitos temas de rock, recordo que o pasaramos moi ben aquel día, creo que eu tería uns dez anos... e que os da orquesta estaban fascinados coa nosa marcha!
Ate outra,
Adelina
sábado, 06 de febrero de 2010 a las 15:41
|
|
Repasando tempos pasados...
Eu non sei de certo a relación que pode haber entre todos os Barja (Barxa) de Terroso. Ben sabedes que somos moitos os que levamos ise apelativo e non nos temos directamente como parentes. Eu penso que alá por o 1800 foi repoboado o lugar por xente que viña de cara a Gudiña e a Veiga do Seixo. Supoño que os parentes que ían asentando en Terroso chamaron a outros que posiblemente estaban en piores condicións por non ter terras que traballar para poder vivir. Dise xeito fóronse xuntando familias formadas por curmáns (primos) que levaban o mesmo apelativo. A familiaridade foise perdendo por isa revalidade que sempre pode haber por mor das herdanzas e agora non sabemos de certo onde nos xuntamos todos os Barxa. Habería que formar árboles xenealóxicos de todos os que agora levamos o Barxa ás costas e ir xuntando familias. Respecto ó parente do teu avó, Loli, non teño nada claro. Acórdome perfectamente do teu tío Manolo, que máis tarde viña co camión acompañado da Micaela... Acórdome da Toña, que sempre se estaba a peinar (peitear) no corredor da entrada, xa que tiñan un espello pendurado na parede, e de teu pai, Vicente, que tiña unha forza de touro e sacaba esterco da corte para levar ás leiras... Da túa avoa Dolores, con aqueles buratos na boca onde antes estiveran as "palas" e por o que sempre dicía rindo: "Deus fíxonos ós vellos grandes esmolas: quítanos os dentes e alárganos as golas"... Tiña as mans todas cortadas de bullar patacas no balcón... Tamén teño unha lixeira idea de que viña a visitalos un home a quen lle chamaban o brasileiro; pero non podo aclarar nada seguro... O que sí sei é que alá por os anos trinta e tantos teu avó nomeóuse pedanio do pobo e botou fóra da igrexa a todos os santos para poñer nela a casa consistorial... Durou pouco a intentona xa que se lle botaron enriba a meirande parte dos homes e volveu todo a ser como antes. Logo veu a guerra e axiña se apagaron as reveldías por medo a acabar no barranco. En Terroso houbo casos curiosos, inda que naide quería falar deles por medo ó cañoto.
Dos meus libros teño pouco que contar. Teño escrito moito, en galego e castelao, inda que só me publicaron algunhas cousas de pouca importancia. O primeiro foi "Andadas do Xan Cativo", o primeiro galego que foi á lúa... de mel. Pódese ler. "Viaxeiro da risa"...."Os ovos da pita choca".... "Os cabalos da troula".... "O rato de frei Corchea"... Teño para publicar xa "O carpinteiro", que ven sendo o resumo das tretas que meu pai lle facía ós seus amigos de confianza. Tamén falo dos homes máis carismáticos que eu coñecín, como foron o Bochinche, o Choupín, o Bruno, o tío Nabor, que facía bailar os Penediños con só soprar no fol da gaita. Ó tío Nabor non o coñecín, inda que ouvín falar tanto da súa figura que se pode escribir un libro coas súas memorias. O tío Feilas, que xuntaba a folla dos castiñeiros despois do rebusco cagando peidos... Eu prefiro ver a parte cómica da vida, xa que de tristura xa andamos fartos por outras razóns.
Espero que aclarase un pouco as túas dúbidas e as de calquera que estea interesado no asunto. Se teño máis información do antedito, xa soltarei a pomba. Un saúdo.
PacoBarxa.
miércoles, 03 de febrero de 2010 a las 20:51
|